jueves, 27 de enero de 2022

O Concello abre mañá o prazo de inscrición para a segunda edición do curso de Atención Sociosanitaria

Terá lugar no Centro municipal de Emprego desde o 14 de febreiro ata o 30 de xuño


O Concello de Ferrol desenvolverá desde o próximo 14 de febreiro ata o 30 de xuño a segunda edición do curso de Atención Sociosanitaria a Persoas Dependentes en Institucións Sociais, de 14.30 a 19.30 horas, de 468 horas de duración. As persoas interesadas, que deberán constar como desempregadas e estar inscritas no Servizo Público de Emprego de Galicia (SPEG) da Xunta de Galicia, poden inscribirse desde mañá e ata o 7 de febreiro incluído no Centro de Emprego do Concello (rúa Sagrada Familia, 56) de xeito presencial ou a través do correo electrónico emprego@ferrol.es. O proceso de selección dos participantes inclúe unha proba escrita e unha entrevista persoal. 


O curso está cofinanciado pola Consellería de Emprego e Igualdade e polos ministerios de Traballo e Economía Social e de Educación e Formación Profesional e conta co certificado de profesionalidade de nivel 2, polo que para o acceso é necesario contar coa titulación de ESO ou equivalente, as competencias clave de nivel 2 ou estar en posesión do certificado de profesionalidade de nivel 1 na mesma familia profesional. Superar esta formación permite traballar en centros de día, residencias de persoas maiores, residencias de persoas con discapacidades e outros equipamentos similares. 

Os interesados deben presentar a ficha de inscrición do curso (descargar ou recoller no Centro de Emprego); a copia do DNI/NIE; a copia da tarxeta demandante de emprego; curriculum vitae e copia da titulación requirida de acceso Nivel 2. Poden atopar máis información en http://www.ferrol.es/emprego ou no número do Centro de Emprego: 981 944 195. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario