jueves, 27 de enero de 2022

O CONCELLO DESEÑA UN COMPLETO PROGRAMA DE FORMACIÓN CUNHA VINTENA DE CURSOS DIRIXIDOS A PERSOAS DESEMPREGADAS DE NARÓN

 A alcaldesa, Marián Ferreiro, destacou a variedade das accións formativas que se impartirán este ano na cidade

Narón, 26 de xaneiro de 2022. A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, avanzou a previsión do Programa municipal de Formación para o presente ano, que inclúe unha gran variedade de accións dirixidas a persoas desempregadas. O Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, acollerá preto de 2.500 horas formativas no conxunto de cursos do programa municipal, a través do que se ofertarán preto de 370 prazas e que se desenvolverá ata o mes de decembro.

Peixería, Reposición e caixa, Almacén e loxística, UNE (tres edicións), Prevención Riscos Laborais básico (dúas edicións), PRL para traballos de albanelería, enconfrado e ferrallado, PRL para electricistas, PRL para soldadura, PRL para fontanería, Altura e espazos confinados, PRL e medio ambiente sector naval, Operador ponte guindastre, Montaxe estadas multidireccionais, Carné fitosanitario básico, Carné fitosanitario cualificado, Carné de conducir C+E e D con CAP, Albanel, Preparación probas de inglés (B1), Soldadura TIG e Caldereiro-tubeiro son os cursos incluídos no citado programa municipal de formación. "Trátase dunha oferta moi variada, enfocada a varios sectores profesionais e deseñada en función das necesidades que se detectan nas empresas da zona, co fin de que o alumnado teña maiores posibilidades de inserción laboral unha vez rematado o período formativo", explicou Ferreiro.

No Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz estase impartindo o curso de Atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais e levarase a cabo un sobre Atención sociosanitaria a persoas no domicilio. "Neste caso son Accións Formativas para Persoas Desempregadas (AFD), un programa subvencionado pola Xunta de Galicia, dunhas 1.100 horas en conxunto, e que se convocará novamente o vindeiro ano, ao ter periodicidade bianual.

O Programa Integrado de Emprego (PIE) ao que se concorre a través da Mancomunidade, financiado pola Xunta e o Servizo Galego de Emprego en colaboración cos concellos de Narón, Cedeira, Valdoviño, Fene, Neda, Cabanas, Ares e Mugardos, tamén ofertou na última convocatoria un centenar de prazas dirixidas a mulleres destes municipios con accións que se imparten no Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, intentando acadar o obxectivo mínimo do 35% de inserción laboral. A previsión é concorrer de novo ao PIE dende a Mancomunidade unha vez que se abra a nova convocatoria.

A maiores, tamén se desenvolverá ata o mes de xullo –está pendente de concretar a programación do último cuadrimestre do ano- un completo programa formativo na Aula Cemit de Xuvia –aula de referencia recoñecida pola Xunta de Galicia dende o ano 2018- e na zona rural. En conxunto, serán máis de 2.000 horas formativas que se tramitan a través da Rede Cemit da Xunta de Galicia e abertas á cidadanía en xeral. Na Aula Cemit xa se impartiron dúas edicións do curso de Deseño gráfico con Canva e estase levando a cabo un sobre Competencias dixitais en ofimática e outro sobre Internet e informática básica. Nos vindeiros meses terán lugar na Aula de Xuvia os de Edición de imaxes con GIMP, Trámites electrónicos/Oficina virtual, Teletraballo reunións en liña e capacitación on line (dúas edicións), Ferramentas TIC para a gamificación na aula, Busca de emprego 2.0, Contabilidade e RRHH, Internet e as súas utilidades seguras, e novas edicións de Deseño gráfico con Canva. Na zona rural ofreceuse a través de Cemit o curso "Usando as novas tecnoloxías" –de febreiro a xuño-. Ao igual que na Aula Cemit de Xuvia, nos meses de xullo e decembro impartirase no rural o programa Informática Divertida (INDI), para menores de 8 a 12 anos e co fin de facilitar a conciliación da vida familiar e laboral.

No hay comentarios:

Publicar un comentario