miércoles, 24 de enero de 2024

O procedemento de selección dos beneficiarios do programa integrado de emprego 2023-2024 comeza en febreiro

 


O Concello de Ferrol segue apostando pola formación para mellorar a empregabilidade dos seus veciños e veciñas. Así, dá un paso máis co Programa integrado de emprego do Concello de Ferrol 2023/24.

Trátase dunha iniciativa de emprego cofinanciada pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia, que ten como finalidade a mellora da ocupabilidade e a inserción laboral das persoas traballadoras en situación de desemprego.

Proximamente iniciarase a selección das 100 persoas participantes, proceso que finalizará na primeira quincena de febreiro. Os interesados deberán atoparse en situación de desemprego e estar inscritos no Servizo Público de Emprego de Galicia, na oficina de emprego, ademais de ter a súa residencia no concello de Ferrol.

En canto aos itinerarios a desenvolver inicialmente serían: xestión loxística e de almacén, dependente de establecementos comerciais, técnicas de limpeza, auxiliar de reposición e caixa, comercialización e venda de produtos de carnicería, actividades básicas nas seccións de frescos (panadería, charcutería e froitería) e actividades de apoio á industria e á construción.

As accións, que contemplan tamén formación transversal, levaranse a cabo na sede do Centro de Emprego do Concello de Ferrol, así como noutras instalacións municipais ou aportadas polas empresas adxudicatarias da formación cando se trate de actividades que precisen medios específicos dos que non dispón o dito centro.

O Concello de Ferrol contratará un equipo técnico para a execución deste programa integrado, así, durante a súa participación, os seleccionados terán unha persoa como titora que será a súa referencia no proceso de inserción laboral.

En canto á fase de prácticas profesionais non laborais en empresas, o Concello de Ferrol contará de novo coa axuda de boa parte das empresas do territorio. Para máis información poden dirixirse a emprego@ferrol.es ou chamando ao 981944195.


Fonte: Concello de Ferrol








No hay comentarios:

Publicar un comentario